Categoría: Xeral

FALADOIRO SOBRE SAN MARTIÑO DE DUME

Este sábado 11 de Novembro terá lugar, a partir das 19:00h no PALCO – Punto de Atención á Lectura do Corgo, o faladoiro titulado “As preocupacións de San Martiño”. Aproveitando esta efeméride do santoral, o cura párroco do Corgo, Óscar G. Murado, disertará sobre a figura deste home santo, sobre a súa época e sobre os seus escritos. Precisamente o noso orador convidado, doutor en Historia da Igrexa pola Universidade Pontificia Gregoriana de Roma, defendeu previamente con éxito a súa tese de licenciatura hai exactamente quince anos, baixo o título San Martiño de Braga perante o paganismo. O público asistente terá a posibilidade de entender mellor este senlleiro personaxe, bispo dos suevos, así como a súa coñecida obra De correctione rusticorum. Xa o sabedes: agardamos por vós no PALCO, este sábado 11, a partir das 19:00h.

Ler Máis

RECITAL DE POESÍA A CARGO DE ÁNXELA GRACIÁN

O Proxecto CORGORAL organiza o vindeiro venres 10 de Novembro unha velada poética a partir das 19:00h no PALCO – Punto de Atención á Lectura do Corgo. O recital correrá a cargo da escritora Ánxela Gracián, natural de Castroverde, poeta e tradutora varias veces galardoada polos seus traballos e con fondas raíces familiares na parroquia corguesa de Queizán. O acceso a este evento será libre e de balde, ata completar o aforo. Todas as persoas que asistan á velada poética levarán un libro da autora como agasallo. Así que, xa o sabedes: agardamos por vós no PALCO, este venres, a partir das 19:00h.

Ler Máis

TEATRO NO CENTROSOCIOCULTURAL DO CORGO. ” CITA PREVIA”

TEATRO NO CENTRO SOCIOCULTURAL DO CORGO.

OBRA: CITA PREVIA.  (historias disparatadas nas consultas médicas).

GRUPO: REBULDEIRA TEATRO DE SARRIA.

DIA 11 DE NOVEMBRO ÁS 19:00 HORAS.

COMEDIA. TODOS OS PÚBLICOS. ENTRADA DE BALDE.

Duración: 75 min.

 Esta obra trata sobre situacións que poden suceder nun centro de saúde. De xeito anecdótico e cómico represéntase o devir cotiá ao que se enfrentan os pacientes, o persoal sanitario e os administrativos por mor dos recortes sanitarios, así como a vida social das salas de espera, dende discusións familiares, novas amizades e algún que outro desatino.

Ler Máis

BASES PARA A CONTRATACIÓN DE TRES MONITORES PARA O OBRADOIRO DE EMPREGO PONTE DE AREAS VII.

Publicación das bases para a contratación de 3 monitores/as de albanelería para o obradoiro dual de emprego PONTE DE AREAS VII, concellos de Páramo, o Corgo e Guntín, persoal laboral temporal, en aplicación da axuda otorgada pola Consellería de promoción de emprego e igualdade, ao abeiro da Orde do 21 de abril de 2023, pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para obradoiros de emprego da comunidade autonóma de Galicia.

Ler Máis

CONFERENCIA SOBRE O SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS

Este ano 2023 conmemórase o centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos, unha institución cultural de referencia, que naceu á marxe das instancias oficiais para fomentar o amor pola terra sobre a base do seu mellor coñecemento. O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, celebra esta efeméride con unha conferencia da historiadora da arte e investigadora Iria-Friné Rivera Vázquez, titulada “O ollo atento. O espírito internacional do Seminario de Estudos Galegos”. A palestra, de acceso libre e de balde ata completar o aforo, irá seguida dun faladoiro e animado debate co público asistente. Este acto terá lugar o vindeiro venres 3 de Novembro a partir das 19:00h na biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo – PALCO.

Ler Máis