Proporcional á extensión do Concello e ao número de núcleos veciñais, tamén son os signos da historia. Os castros son os elementos máis antigos que podemos recoñecer , como son o Castro de Eirexe ( no Alto), o Castro de Castrilón ( Castrillón), o da Croa ( en Chamoso), o Poboado do Castro en Farnadeiros, o Castro de Tras da Zarra o de Ramil e o de Navás en Laxosa, ou de Manán e Queizán de Abaixo.

As pegadas medievais tamén se divisan nos Sartegos antropoides de Santa Mariña ( Cabreiros) nos Sartegos de San Cristobo de Chamoso , en Queizán de Abaixo, ou en Pedrafita, no antigo emprazamento da igrexa. En canto á arquitectura relixiosa destacan as igrexas parroquiais, así como os cruceiros e os cemiterios. Algún dos cruceiros máis destacados son o de San Andrés de Chamoso ou o cruceiro de S. Andrés en Hospital. En Anseán, en Pena do Souto tamén se atoparon pedras de culto. As igrexas máis antigas son de estilo románico, tendo en común a pranta rectangular e os restos deste estilo.