Cartografía cultural do Concello do Corgo

Malia o feito de que o Patrimonio Cultural Inmaterial se caracteriza por ser intanxible, case todas as súas manifestacións aparecen asociadas a determinados aspectos materiais: lugares ou sitios concretos, obxectos específicos, imaxes representativas, comidas senlleiras… Por iso decidimos elaborar un mapa no que, aos poucos, se foran recollendo todas estas manifestacións culturais corguesas.

Nesta cartografía do Patrimonio Cultural Inmaterial do Concello do Corgo represéntanse os lugares asociados ás lendas, aos contos, aos cantos e aos sucedidos recompilados polo Proxecto CORGORAL. Comezamos por localizar as construcións máis simbólicas da identidade local e do que algúns autores teñen denominado “cultura espiritual”: igrexas parroquiais, capelas, cruces de pedra, esmoleiros, cruceiros, ermidas, santuarios… Certamente non están todos os elementos que integran o patrimonio inmaterial corgués, pero pouco a pouco iremos subindo ao portal os castros, as mámoas, os pombais… e todos aqueles sitios que gardan algunha historia que forma parte da nosa tradición oral.

Agardamos polas vosas achegas!

Mapa cultural do Concello do Corgo