Varios son os documentos audiovisuais nos que se rexistraron diversos aspectos do termo municipal corgués, ben no seu conxunto, ben no relativo a algunhas das súas aldeas, parroquias e veciños. O certo é que non son moitos os vídeos que coñecemos actualmente, pero si nos consta que, ademais de certos programas televisivos xa emitidos, existen recollas e mesmo algunhas iniciativas particulares inéditas, que corren perigo de perderse co devalar dos anos.
Desde o Proxecto CORGORAL estamos a tentar recuperar varios documentos audiovisuais para poñelos a libre disposición, consulta e visualización pública. Agradecemos a todas as persoas e institucións a cesión libre e desinteresada deste tipo de documentos. En vindeiras datas iremos subindo a este portal outras gravacións de interese para todos os que queiran saber mais do noso concello. Así que xa sabedes: aquí agardamos polos vosos vídeos e polas vosas achegas!