Punto de Atención á Lectura do Corgo (PALCO)

A Biblioteca do PALCO, situada a carón do Punto de Atención á Infancia e da Casa das Asociacións, é un servizo público e gratuíto inaugurado polo Concello do Corgo a través do Proxecto CORGORAL o 23 de Abril do 2022, Día Mundial do Libro. Actualmente e grazas ás xenerosas doazóns de numerosos particulares e institucións, conta con mais de cinco milleiros de libros que poden ser consultados de balde por todas as persoas interesadas.

Para consultar os fondos bibliográficos do PALCO, premer aquí.

Atópanse á disposición do público diversos xéneros literarios: conto, novela, ensaio, poesía, teatro… E numerosos libros, principalmente escritos en galego e castelán, sen faltar outros en inglés, francés, portugués, italiano ou alemán. Tamén contamos con DVDs que inclúen películas de cinema clásico e moderno, así como numerosos documentais sobre a vida animal e o patrimonio cultural mundial.

As instalacións da biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo ocupan o edificio reformado da antiga escola pública e contan con diverso mobiliario e numerosos recursos materiais: mesas, cadeiras, ar condicionado, pantalla de proxección de audiovisuais, pizarra… Para solicitar o seu uso co gallo da celebración de calquera tipo de actividade cultural pública é preciso cubrir un impreso que será facilitado no concello, así como cumprir unhas regras básicas de utilización.