Categoría: Xeral

NOVOS LIBROS NO PUNTO DE ATENCIÓN Á LECTURA.

 

 

A biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo (PALCO), situada a carón do Punto de Atención á Infancia e da Casa das Asociacións, é un servizo público e gratuíto inaugurado polo concello a través do Proxecto CORGORAL o pasado 23 de Abril, Día Mundial do Libro.
Actualmente e grazas ás xenerosas doazóns de numerosos particulares e institucións, conta con varios milleiros de exemplares para a súa consulta totalmente libre e de balde, sempre previa solicitude dirixida ao correo electrónico proxecto.corgoral@gmail.com.
O Proxecto CORGORAL tamén pretende incentivar o aprezo polos libros entre os corgueses e as corguesas. Así, ademais da campaña de animación á lectura que este verán está a decorrer na piscina municipal, estamos a realizar asemade as xestións necesarias para facer medrar os fondos bibliográficos da biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo.
O pasado venres 12 de Agosto, unha pequena delegación corguesa desprazouse ata o concello pontevedrés de Lalín, co propósito de establecer novos vencellos e abrir futuras vías de colaboración cultural co Seminario de Estudos do Deza. Grazas a esta primeira reunión oficial entre os representantes de ambas entidades, produciuse un intercambio de publicacións que veu a enriquecer considerablemente o noso patrimonio bibliográfico. Todos estes libros xa están a disposición da veciñanza para a súa consulta na biblioteca do Punto de Atención á Lectura.

Ler Máis

Fotografías antigas do Corgo.

 

 

O Concello do Corgo, co Proxecto CORGORAL, pretende recuperar a memoria gráfica municipal coa dixitalización de fotografías antigas cedidas voluntariamente polos veciños e veciñas de todas as parroquias. Aquelas persoas que colaboren con esta iniciativa recibirán un CD-ROM coas imaxes dixitalizadas, para evitar así que se perdan ou deterioren os orixinais.

O patrimonio fotográfico dos corgueses constitúe un valioso testemuño do noso pasado como comunidade social e cultural, merecendo por iso este esforzo comunitario de preservación e posta en valor. Ao longo dos últimos meses tense encetado o proceso de recollas coa colaboración de numerosos veciños e veciñas das parroquias de Laxosa, Adai, Franqueán, San Xoán do Corgo e Gomeán. Agardamos poder incorporar ao longo do ano outras parroquias a esta emocionante iniciativa.

Precisamente grazas á colaboración activa da Asociación de Veciños O Salgueiriño de Gomeán e do Arquivo Diocesano de Lugo será posible inaugurar este domingo 14 de Agosto, no marco da II Feira do Ano de Gomeán, a mostra fotográfica, xornalística e documental que foi monograficamente preparada sobre a historia desta freguesía. Convidámosvos a que visitedes este evento e a que coñezades mellor o noso patrimonio fotográfico e documental.

Ler Máis

Publicación no BOE do anuncio da convocatoria de sete prazas de AUXILIAR DE AXUDA NO FOGAR.

Publicación no BOE do extracto do anuncio das bases para cubrir sete prazas de persoal laboral fixo de AUXILIAR DE AXUDA NO FOGAR, abríndose o prazo de vinte dias naturais para presentar  as solicitudes.

Publicación no BOE do extracto do anuncio da convocatoria para cubrir sete prazas de AUXILIAR DE AXUDA NO FOGAR para o Concello do Corgo

Ler Máis

OS BOLECHAS NO CORGO

O venres, día 5 de agosto ás 12 da mañá contaremos cos Bolechas no Corgo, cunha actuación para tódolos públicos, especialmente os máis novos, e gratuita.

Vémonos na área recreativa a carón do  colexio do Corgo.

Actividade subvencionada pola Secretaría de Política Lingüística.

Agardámosvos!

Ler Máis

Celebración do día de Galicia.

 

 

O Concello do Corgo a través do Proxecto Corgoral, súmase á conmemoración desta efeméride  tan especial coa presentación pública  da Carta  Xeométrica de Galicia, elaborada hai case dous séculos polo prestixioso matemático e xeógrafo galego Domingo Fontán.

A carta xeométrica de Galicia, presentada oficialmente no ano 1834, foi o primeiro mapa de precisión, moderno e riguroso, que se fixo na Península Ibérica a partir de métodos  e criterios estrictamente  científicos. Para a súa elaboración foi fundamental contar  con unha base cartográfica na parroquia corguesa de Gomeán.

O resultado final dos desvelos de Domingo Fontán foi impreso en París no ano 1845, acadando unhas dimensións  colosais que axiña mereceron a recoñecida admiración púlbica da comunidade científica internacional. Así pois, a partir deste 25 de xullo fica instalada  para a posteridade e para goce de todas as persoas qu o queiran contemplar, unha reprodución fascimilar a escala real deste mapa na Biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo.

Ler Máis