dnrocio@gmail.com 28 de Marzo de 2023 0

XORNADAS SOBRE O PATRIMONIO CULTURAL DO CORGO

O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL e coa colaboración das asociacións culturais Vagalumes e Arumes, organiza as Primeiras Xornadas sobre o Patrimonio Cultural do Corgo, dedicadas nesta ocasión á divulgación, defensa e posta en valor dun particular aspecto da nosa arte relixiosa popular: os cruceiros e as cruces de pedra.

Para acadar estes obxectivos programáronse diversas actividades ao longo deste trimestre: en primeiro lugar, durante os meses de Febreiro e Marzo realizouse no Punto de Atención á Lectura do Corgo (PALCO) unha exposición temporal sobre Castelao como estudoso, artista e debuxante, titulada A Bretaña que hai en nós.

Por outra banda, o sábado 4 de Febreiro contamos coa presenza do museólogo e membro da Real Academia Galega de Belas Artes Sr. D. Felipe-Senén López Gómez, que impartiu unha conferencia maxistral sobre As cruces de pedra nos confíns da Europa Atlántica.

Para rematar estas Primeiras Xornadas sobre o Patrimonio Cultural do Corgo, o concello organiza no Punto de Atención á Lectura o vindeiro sábado 1 de Abril ás 18:30h unha visita comentada á exposición, ás 19:00ha proxección do vídeo titulado “As cruces de pedra na Bretaña” e ás 20:00h unha conferencia impartida por Fernando Arribas, presidente da Asociación Galega de Amigos das Cruces de Pedra, sobre Os cruceiros no concello do Corgo. Agardamos que estas xornadas sexan de interese para toda a veciñanza corguesa e que tamén sirvan para difundir e poñer en valor o noso rico e variado Patrimonio Cultural.