dnrocio@gmail.com 27 de Setembro de 2023 0

PRIMEIRO CLUB DE LECTURA NO PALCO.

A biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo acolleu o pasado venres 22 de
Setembro o primeiro Club de Lectura do PALCO. Este encontro literario entre un escritor ben
coñecido e os seus lectores foi organizado no marco do Proxecto CORGORAL, co propósito de
fomentar a convivencia entre a veciñanza e consolidar unha comunidade cultural propia nas
Terras de Chamoso.
Inscribíronse nesta orixinal iniciativa máis de unha ducia de persoas, entre as cales
figuran o cura párroco do Corgo, Oscar G. Murado, a coñecida actriz Benedicta Sánchez, o
profesor Xosé Manuel Castro Castedo, as responsables do Punto de Atención á Infancia do
Corgo…
A obra escollida nesta ocasión foi a novela de intriga O conserxe, escrita por Xosé Luís
Vázquez Somoza. O evento contou coa presenza do autor, que, ao longo de case dúas horas,
compartiu cos seus lectores varios dos segredos que se acochan nas páxinas deste grande
éxito editorial, recentemente incorporado aos fondos bibliográficos do PALCO.