dnrocio@gmail.com 3 de Marzo de 2023 0

EDICIÓN DOS CANTARES DO ENTROIDO

O Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, vén de publicar un caderno especial que recolle todos os cantares do entroido locais identificados ao longo do período 1945-2022. Trátase dunha publicación en formato impreso e dixital, que xurdiu da estreita colaboración de tres especialistas: un antropólogo sociocultural (Lois Ladra, responsable do Proxecto CORGORAL) e dous profesores locais (os filólogos Xosé Manuel Castro Castedo e Xurxo Xosé Rodríguez Lozano).

A monografía comeza con un estudo introdutorio sobre a historia e o significado deste tipo de composicións poéticas sarcásticas da nosa Literatura Popular de Tradición Oral. Cómpre indicar que, no caso do concello do Corgo, na elaboración deste tipo de ferretes sobrancean cando menos dúas xeracións de mestres da familia de Xorxe: Xesús Rodríguez Álvarez e Xurxo Xosé Rodríguez Lozano. Síguelle a exposición dos criterios da edición, da autoría de Xosé Manuel Castro Castedo e, finalmente, o corpus principal do texto, coas coplas do entroido elaboradas por Xurxo Rodríguez entre os anos 2010 e 2022. A versión dixital desta publicación está á libre disposición de todas as persoas interesadas no noso portal na rede. Agardamos que gocedes con esta nova lectura!

https://www.concellodocorgo.com/wp-content/uploads/2023/03/2023-CANTARES-DO-ENTROIDO-1.pdf