admin 10 de Outubro de 2022 0

AMIGOS DE GALICIA DOA LIBROS AO CORGO.

 

A Fundación de Amigos de Galicia ofreceu á Biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo unha significativa doazón de máis de medio milleiro de exemplares. Nunha emotiva cerimonia que tivo lugar o sábado 8 de Outubro nas instalacións da referida biblioteca, o presidente da Fundación de Amigos de Galicia, D. Ramiro Varela Cives, acompañado por unha nutrida comitiva de doadores, procedeu á entrega de numerosas caixas con libros que pasarán a integrar os fondos bibliográficos postos á disposición de todas as persoas interesadas na súa consulta.

A Biblioteca PALCO, situada a carón do Punto de Atención á Infancia e da Casa das Asociacións, é un servizo público e gratuito inaugurado polo Concello do Corgo a través do Proxecto CORGORAL  o pasado 23 de Abril, Día mundial do Libro. Actualmente e grazas ás xenerosas doazóns de numerosos particulares e institucións, conta con varios milleiros de libros que se poden consultar de balde. O correo de contacto é proxecto.corgoral@gmail.com