admin 23 de Xullo de 2021 0

ORIXE E SIGNIFICADO DOS NOMES DE LUGAR DO CONCELLO DO CORGO

Un aspecto destacado do Patrimonio Cultural Inmaterial corgués é o de todo aquilo que se refire á nosa lingua propia ou vernácula. E dentro das expresións lingüísticas, o estudo dos nomes de lugar ou topónimos ocupa un lugar senlleiro. Por todo isto, o Concello do Corgo, a través do Proxecto CORGORAL, ten a ben celebrar o Día de Galicia deste ano 2021 coa publicación dun traballo clásico de referencia e de especial interese: a “Toponimia do concello do Corgo”, da autoría do esgrevio investigador Nicandro Ares Vázquez (1926-2017).

Nesta obra poderemos coñecer cales son as orixes e os significados dos topónimos corgueses que aparecen recollidos no Nomenclátor oficial da Xunta de Galicia, vixente desde o ano 2000. Nomes tan aparentemente difíciles de entender, como poden ser Abragán, Bergazo, Chamoso ou Laxosa teñen nestas páxinas a súa cumprida e pertinente explicación etimolóxica.
Desde o Proxecto CORGORAL ofrecémosvos esta significativa achega para podermos coñecer mellor o noso concello, a nosa cultura e o noso patrimonio inmaterial. Todas as persoas interesadas neste traballo podedes descargar de balde o PDF na páxina web municipal, solicitar a versión impresa enviando un correo a proxecto.corgoral@gmail.com ou poñéndovos directamente en contacto connosco no teléfono 676-862-924. Moitas grazas.

Orixe e significado dos nomes de lugar do concello do Corgo