admin 17 de Abril de 2017 0

Axudas da PAC: A Xunta pagará neste abril uns 14 millóns de euros

A Consellería do Medio Rural, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), ten previsto facer efectivo ao longo deste mes de abril o pago de algo máis de 14 millóns de euros correspondentes á Política Agrícola Común (PAC), máis concretamente ao exercicio de 2016. Estes pagamentos beneficiarán, en conxunto, a case 12.000 agricultores e gandeiros galegos.

A maior parte destes fondos refírense aos chamados pago básico e pago verde (en total suman 9,2 millóns de euros). O primeiro deles ten que ver coa asignación de dereitos que teñen os agricultores e gandeiros e co número de hectáreas declaradas. O pago verde prima o mantemento de pastos, a diversificación de cultivos e as superficies de interese ecolóxico. Cada un dos beneficiarios destes pagos recibirá unha media de 1.400 euros (no caso do pago básico) e de arredor de 690 euros (no que atinxe ao pago verde).

Por provincias, como ven sendo habitual polo seu peso agrogandeiro, a maioría destes fondos son para Lugo (arredor da metade dos 14 millóns de euros). A continuación séguenlle A  Coruña, Ourense e Pontevedra.

O abonamento destas cantidades forma parte da programación do Fondo Galego de Garantía Agraria para o conxunto do periodo 2016-17, que abarca ata o vindeiro mes de xuño.